25 Xullo: DÍA NACIONAL DE GALIZA CONTRA O REARMAMENTO
25 Xullo: DÍA NACIONAL DE GALIZA CONTRA O REARMAMENTO

Este 25 de Xullo o pobo traballador galego sae, un ano máis, a reivindicar a súa identidade e, polo tanto, o seu dereito a decidir libremente o seu futuro. Un ano onde é máis evidente que nunca a necesidade de non desvincular esta loita da doutras nacións debido á crise e profunda decadencia do sistema capitalista.
A través de diversas formas de guerra híbrida (comerciais, agresión directa, law fare,…) as grandes potencias imperialistas (EEUU, Rusia, China, UE,…), en disputa pola hexemonía mundial, están a levar á humanidade á barbarie (Gaza!). O sistema capitalista na súa decadencia pon ao pobo galego e a humanidade ante a disxuntiva do “socialismo ou a barbarie”.
Ningún pobo que aspire á súa liberdade pode facelo permanecendo impasible ante a opresión que sofren outros pobos, non só os que como o galego sófrena baixo o réxime do 78, senón os que hoxe están a ser agredidos militarmente como o palestino e libanés, o iraniano, e pola proximidade, o pobo saharauí expulsado da súa terra polo réxime marroquí co apoio do goberno PSOE SUMAR, onde o capital galego ten moitos intereses en manter a ocupación, a través de grandes empresas de Vigo, Marin ou Ribeira,.
Como consecuencia deste marco belicista, todos os estados, e principalmente os imperialistas, baixo a bandeira da “autodefensa”, están nun proceso de rearmamento que dea rendibilidade aos capitais investidos na industria do armamento, pondo toda a economía ao servizo das súas guerras. Unha “economía de guerra” que supón o desmantelamento dos servizos públicos (sanidade, educación, dependencia, mobilidade, etc.) -en transo de privatización-, e con consecuencias nas condicións de traballo e recortes de salarios da maioría social, a clase obreira, polo aumento da inflación que os gastos militares xeran, do que a vivenda é, hoxe, o seu punto mais agudo.
O goberno do PSOE-Sumar e a Xunta do PP están de acordo neste aumento dos investimentos militares, vendéndo-o como unha oportunidade de xerar emprego en zonas como Ferrolterra, xa golpeadas polas sucesivas reconversións industriais. Así, ademais de fortes investimentos en Navantia ou en Urovesa en Compostela, está a industria extractivista que explota no sur de Galiza e o norte de Portugal a riqueza de terras raras (básicas para o armamento) ou a ampliación das bases da OTAN de Ferrol e Marín, pola relevancia xeoestratéxica do corredor marítimo de Fisterra, por onde pasan 30 mil buques ao ano. Isto non é motivo de disputa entre Goberno e a Xunta porque ambos partillan a presenza do Estado español na OTAN.
Nun mundo globalizado e totalmente interdependente, unha Galiza independente nun mundo en transo de guerra é unha ilusión; non é posible ningún acordo coa burguesía galega que comparte coa española e europea proxectos estratéxicos como a OTAN e a UE, dentro do réxime do 78. Por iso, a loita polo seu dereito á autodeterminación só poderá levar a cabo consecuentemente desde a loita e a organización independente da clase obreira galega, baixo un programa de transformación social, en alianza coa clase traballadora e os pobos oprimidos do resto do estado e de Europa, para romper coa OTAN e a UE, no camiño dos Estados Unidos Socialistas de Europa.
As loitas obreiras dos últimos meses (metal, comercio vario, hostelaria, comercio de alimentación, etc.), xunto coas mobilizacións contra o desmantelamento dos servizos públicos (educación, incluída o 0-3, sanidade, etc.) ou a vivenda, son manifestacións do rexeitamento da poboación a que a crise capitalista páguea a clase traballadora e o pobo cos seus dereitos e conquistas.
A mocidade e a clase obreira italiana mostraron o camiño fronte a estas políticas cando protagonizaron folgas xerais contra o rearmamento e en solidariedade co pobo palestino; pola súa banda, a clase obreira portuguesa fixo retroceder ao seu goberno impondo coa folga xeral a retirada da contrarreforma laboral.
As organizacións obreiras e populares galegas teñen que dar pasos na unificación das loitas, para golpear xuntos contra as políticas de economía de guerra e imperialistas de “nosos” gobernos, pondo no centro a ruptura co réxime do 78, a través dunha Asemblea Constituínte que garanta os dereitos sociais e nacionais da clase traballadora e os pobos, contra as guerras imperialistas e que poña os gastos militares ao servizo das necesidades sociais.
Contra as guerras imperialistas: non á “economía de guerra”!
Gastos militares para gastos sociais!
Polo dereito á autodeterminación de Galiza e os pobos oprimidos!
Pola unidade da clase obreira e os pobos contra a crise capitalista!