Ante a crise política e social provocada en Ceuta

Ante a crise política e social provocada en Ceuta

O Goberno español e o seu socio no norte de África, o Goberno marroquí, co que agora se aliña, responsabilizan ás “mafias” como as causantes das avalanchas, e deste xeito evitan entrar nas verdaderas razóns da crise

O que está a suceder coa entrada de 50 mil persoas na cidade de Ceuta é, en realidade, a punta dun iceberg moi profundo, e abre unha crise política de primeira orde no Réxime do 78 e na UE, á que debemos dar unha resposta desde a clase obreira. A morte de 88 persoas inocentes son a tráxica manifestación dunha crise que non ten un só factor desencadeante.

África sufriu historicamente, e continúa sufrindo, o espolio das potencias imperialistas, coa complicidade dos réximes monicreques dos países africanos e é a clase traballadora do continente a que sofre as máis severas consecuencias, véndose na obriga de migrar na procura dunha vida mellor nas peores condicións imaxinables, e sen ningunha garantía de chegar ao destino ansiado con vida.

Marrocos é, desde a súa independencia, unha semicolonia dos imperialismos europeos, do francés e do español en concreto. A maioría das grandes multinacionais españolas que cotizan no IBEX 35 teñen grandes investimentos: Inditex, Acciona, Meliá,… ; os armadores galegos son os principais saqueadores do banco pesqueiro saharauí baixo ocupación marroquí. A súa armada conta con buques construídos na ría de Vigo, en estaleiros como Rodman Polyships ou Freire Shipyard, ou en estaleiros de Cádiz; mentres que a Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia colabora regularmente co Réxime marroquí na construción, reparación e transición enerxética de buques.

A estreita relación entre Marrocos e o Réxime do 78 -coas monarquías á fronte- unicamente tiña un punto negro, o Sahara Occidental, do que o Estado Español desentendeuse de facto tras a Marcha Verde, aínda que a día de hoxe continúa sendo oficialmente a potencia administradora segundo a ONU. Os acordos de Madrid do 75 entregaban o territorio saharauí ao Réxime semicolonial marroquí, e este garantía ao capital imperialista español os investimentos nas minas de Fos Bucráa e o banco pesqueiro. Hipocritamente, o Estado español resolveu manter un apoio ao dereito á autodeterminación do pobo saharauí.

Todo isto cambiou tras os acontecementos do 2021 coa entrada de miles de migrantes en Ceuta e a presión da primeira administración Trump para recoñecer a “marroquinidade” do Sahara Occidental, que levou ao goberno de Sánchez a aceptar as teses do Réxime alauí e negar a autodeterminación do pobo saharauí.

Estas tensións entre a potencia imperialista, o Estado Español, e a semicolonia, Marrocos, deron un salto de calidade. O Réxime alauí mantense aliñado co bloque imperialista que lidera EEUU-Israel, xunto coa súa, neste momento, submisa aliada, a UE, na guerra híbrida que desataron contra todo o mundo para evitar a súa decadencia como potencia hexemónica ante o seu gran competidor imperialista, China e os seus aliados dos BRICS.

O Goberno español, ao profundar nas súas relacións con China e os BRICS, dos que Alxeria é un dos seus apoios no norte de África, convértese aos ollos de EEUU nun “inimigo para bater”. Todos os gobernos “trumpistas”, desde Milei ata Meloni, pasando pola “oposición” de extrema dereita española, considérano un “traidor” na guerra contra o inimigo chinés e os seus aliados.

A subministración de gas alxerino ao Estado español nunca se interrompeu; nin sequera cando en 2021 Alxeria resolveu pechar o gasoduto Magreb-Europa como represalia á escalada represiva de Marrocos no Sahara Occidental, e que proporcionaba a Marrocos importantes beneficios económicos. A subministración ao Estado español continuou por outro gasoduto a través do mar, aínda que as relacións diplomáticas e comerciais (excluíndo o gas) entre o réxime de Alxer e o Estado español víronse interrompidas a partir de 2022 cando este último negou a soberanía do pobo saharauí

En xullo deste ano volveuse á normalidade, incluíndo un aumento do 10% das exportacións de gas alxerino cara ao Estado español, o que supón un novo achegamento ao bloque imperialista liderado por China, e, por tanto, un dos factores clave na actual crise interimperialista. Este acordo foi a gota que colmou o vaso tanto para o Réxime alauí como para a administración Trump.

O Réxime marroquí, deste xeito, convértese no “Milei, Zelenski ou Netanyahu” do Magreb e o norte de África; é dicir, a ferramenta para debilitar e facer entrar en crise aos gobernos que son díscolos aos ditados da administración estadounidense. Non fai nin catro meses que os servizos secretos ianquis entregaron á “xustiza” española unhas gravacións para procesar ao ex presidente Zapatero, nun proceso máis que evidente de lawfare. O goberno de Sánchez únese aos Petro, Lula, Maduro, Mamdani, o réxime iraniano, … como obxectivos a bater por EEUU nesa guerra pola hexemonía mundial entre as potencias imperialistas.

As máis de 88 persoas mortas son vítimas da barbarie capitalista e do mesmo conflito interimperialista que xa provocou xenocidios, guerras e bombardeos en Palestina, Oriente Próximo, Ucraína, o Sahel, Sahara Occidental, etc. Son as vítimas propiciatorias dun sistema, o capitalista, e os seus gobernos, que utilizan todos os medios ao seu alcance, violentos ou pacíficos, para defender os seus intereses por encima dos dereitos dos pobos e os/as traballadores/as, que non lles interesan para nada.

A clase obreira a nivel internacional, e en concreto, a de Europa, do Estado español e Galicia, non pode asistir pasivamente a un drama diario no que as persoas migrantes son as que poñen os mortos, mentres os grandes capitais e os réximes corruptos, como o marroquí, enriquécense.

O pobo marroquí ten dereito a unha vida digna e á súa integridade territorial; pero un pobo que oprime a outro xamais poderá ser libre, polo que debe loitar contra a ocupación do Sahara Occidental por Marrocos; como dixo hai uns meses un activista saharauí, o inimigo é o mesmo, a monarquía de Mohamed VI e as distintas potencias imperialistas. A gran tarefa é avanzar na unidade da clase obreira do Magreb, por unha Federación Socialista do Magreb que respecte os dereitos dos pobos (saharauí, rifeño, marroquí, alxerino, etc.).

A clase obreira e os pobos do Estado español e de Europa non poden ser cómplices do Réxime do 78 nin da UE, que teñen a Marrocos e o Magreb como o seu “patio traseiro”, financiando e armando aos seus réximes burgueses. Esta complicidade de fondo entre os réximes burgueses español e marroquí demóstrase pola defensa pechada que o Goberno español fixo do marroquí respecto aos feitos de Ceuta, presentándoo como “parte da solución”, non do problema.

O goberno do PSOE-SUMAR cre que os intereses do capital español en Marrocos están ben defendidos pola monarquía de Mohamed VI. O feito de que agora o Estado español (e a UE) entren parcialmente en conflito coa administración Trump e co sionismo na area marroquí, non os converte nos “bos” da película; son dúas potencias imperialistas que defenden os seus intereses, non os dos pobos e os/as traballadores/as.

A clase obreira do Estado español e de Europa debe loitar contra os seus propios gobernos imperialistas, contra as súas políticas de rearmamento, que tarde ou cedo utilizarán contra os pobos, se estes se levantan contra a opresión nacional colonial. Este é o mellor apoio que a clase obreira das potencias imperialistas pode ofrecer aos pobos, para evitar que os/as traballadores/as sigan xogándose a vida para fuxir dos réximes ditatoriais que os imperialistas financian para mellor explotalos e oprimilos.

Se algo demostra a crise na cidade de Ceuta, é que hoxe máis que nunca é imprescindible levantar unha alternativa obreira, revolucionaria e internacional, a través dunha organización mundial que una a loita da clase obreira do Magreb e o Norte de África, coa do Estado español e Europa, cun mesmo obxectivo, a transformación socialista da sociedade.