DENUNCIAMOS AS CONCENTRACIÓNS IMPERIALISTAS ESPAÑOLAS
DENUNCIAMOS AS CONCENTRACIÓNS IMPERIALISTAS ESPAÑOLAS

As concentracións convocadas en todo o Estado español para o 2 de setembro, impulsadas desde a FEMP (Federación Española de Municipios y Provincias), que dirixe o principal herdeiro político do Réxime franquista, o PP – e que conta con Inés Rey, a alcaldesa da Coruña polo PSOE, como vicepresidenta primeira – baixo lemas como “Ceuta é España, Ceuta é Europa” ou “Ceuta deféndese”, e aproveitadas pola ultradereita de VOX ou SALF (Acabouse A Festa) para propagar os seus discursos de odio, son imperialistas, xenófobas e racistas.
O Imperialismo capitalista español debe abandoar inmediatamente as súas prazas coloniais no norte de África, e Ceuta e Melilla deben deixar de ser utilizadas como fronteira sur da Unión Europea. Pero isto non significa que deban ser incorporadas, automaticamente, dentro das fronteiras do Reino de Marrocos – socio privilexiado do Imperialismo estadounidense no norte de África -, tamén capitalista e opresor de pobos, como o rifeño e o saharauí (este último en alianza co propio Imperialismo español). A clase traballadora non ten fronteiras e ningún/a traballador/a debe ser ilegal en ningures do mundo; as fronteiras serven á burguesía para regular a cantidade de traballadores/as migrantes que vai precisar para os seus negocios nun ou outro momento – aos/as que obriga a aceptar as peores condicións e salarios – e para fomentar a ideoloxía xenófoba e racista no seo da clase traballadora.
Aos pobos e os/as traballadores/as do Estado español, nada nos une co noso Imperialismo burgués, que é o mesmo que nos explota e oprime. Ao contrario, os nosos intereses son os da clase traballadora internacional; os dos 141 traballadores migrantes afogados no mar e os miles que están aglomerados nas praias de Ceuta, vítimas dos pogromos fascistas alentados pola ultradereita. A manifestación dos/as traballadores/as ceutíes – o pasado 1 de agosto – contra as concentracións de SALF e da organización neonazi Núcleo Nacional – que obrigou a que os líderes ultras tivesen que saír escoltados pola Policía Nacional – marca o camiño. Estes/as mesmos traballadores/as están chamados a ser a vangarda na loita por expulsar ao Imperialismo español do Norte de África – xunto aos/as traballadores/as e os pobos do resto do Estado español -, e ademais deben formar parte da construción da revolución socialista en Marrocos, contra o Réxime de Mohamed VI e ao lado da clase traballadora dos pobos saharauí, rifeño e marroquí, como parte dun proceso revolucionario no norte de África; camiño da Federación Socialista do Magreb.
GTR-CI chamamos a non participar nas concentracións imperialistas españolas do mércores 2 de setembro e a non depositar ningunha confianza no Goberno “progresista” de PSOE-Sumar, quen ante os feitos de Ceuta resolveu levar a cabo deportacións masivas e endurecer aínda máis a fronteira do Estado español en África.
A resposta á situación actual ten que organizarse “desde abaixo” – nos centros de traballo, nos centros de estudo e nos barrios obreiros – e debe ser firmemente antiimperialista, antixenófoba e antirracista. Unha resposta que debe basearse na independencia política da clase traballadora fronte aos 2 grandes bloques políticos do Imperialismo español: o reaccionario de PP e VOX, e o “progresista” de PSOE e Sumar.