ANTE AS ELECCIÓNS ANDALUZAS: CHAMAMOS Ó VOTO A IZQUIERDA REVOLUCIONARIA ANTICAPITALISTA (IZAR)
ANTE AS ELECCIÓNS ANDALUZAS: CHAMAMOS Ó VOTO A IZQUIERDA REVOLUCIONARIA ANTICAPITALISTA (IZAR)

Á luz das eleccións en Andalucía, Grupo Trotskista Revolucionario – Carta Internacional saúda fraternalmente á candidatura de IZAR que se presenta nas provincias de Granada, Huelva e Almería. Apoiamos esta candidatura porque é a única que realmente aposta polos intereses da clase traballadora, cun programa que propón unha estratexia revolucionaria e entende o proceso electoral como un paso táctico no camiño cara á superación do capitalismo e a transformación socialista da sociedade.
“Nuestra candidatura sirve para visibilizar una política de ruptura y para convertir cada voto en un compromiso militante en los barrios, en los pueblos, en los centros de trabajo y en los centros de estudio. Estamos aquí para decir que este sistema no es reformable: hay que derribarlo.”
Cómpre mencionar aquí que outras candidaturas que inclúen propostas progresistas nas súas plataformas, como Adelante Andalucía (ou en menor medida, Por Andalucía), non propoñen romper coas regras do xogo capitalistas e, polo tanto, cun sistema de explotación e opresión da maioría social ao servizo da “Andalucía dos señoritos”, como ben di o título do programa de IZAR. Os traballadores e o pobo de Andalucía deben organizarse e mobilizarse para “darlle unha patada ó taboleiro” e acabar cunha orde social na que un puñado de terratenentes e empresarios parásitos viven coma reis a expensas do noso sacrificio.
En canto ó programa de IZAR, non afondaremos agora en cada unha das medidas, senón que destacaremos algunhas das que consideramos máis importantes e que motivan o noso apoio.
Este programa desenvólvese desde unha perspectiva anticapitalista e revolucionaria, abordando, por exemplo, as cuestións económicas e laborais como problemas permeados pola contradición fundamental deste sistema: a explotación e o roubo da man de obra por parte do capital. A súa solución pasa necesariamente pola nacionalización dos medios de produción e dos sectores esenciais baixo o control dos traballadores. Así, atopamos medidas como a derrogación do artigo 135 da Constitución, que prioriza o pago da débeda sobre as necesidades sociais, unha situación máis prevalente que nunca hoxe en día grazas á débeda imposta na procura dunha economía de guerra; a redistribución do traballo para que todos poidan traballar, con salarios dignos e condicións laborais vinculadas ao Índice de Prezos ao Consumidor (IPC); e o futuro das pensións, onde avogan por reducir a idade de xubilación aos 60 anos, así como aumentar as pensións tanto contributivas como non contributivas, tamén vinculadas ao aumento do custo da vida.
En canto aos servizos públicos, que son logros históricos da clase traballadora, salientan a necesidade de defendelos e evitar o seu desmantelamento e privatización. Algunhas das medidas clave inclúen: servizos públicos gratuítos, universais, laicos e de alta calidade; seguridade laboral para o persoal temporal e redución das ratios alumnos-profesor (especificamente no ensino, con especial mención á loita activa das educadoras do 0-3); e a defensa do dereito á vivenda como un dereito esencial que debe ser protexido da mercantilización á que estamos afeitos no sistema actual.
En canto ao inimigo a derrotar, afirman abertamente que a súa proposta é “una ruptura de clase con las instituciones y el cuerpo legislativo represivo del 78”, avogando pola derrogación da Lei de Amnistía de 1977 (que actuou como punto final, impedindo o procesamento de todos os delitos cometidos durante a ditadura, protexendo os beneficios dos capitalistas que se enriqueceron baixo o réxime franquista, eximindo de responsabilidade o aparato represivo —que se mantén intacto ata os nosos días— e equiparando os represores coas vítimas da represión), a separación efectiva da Igrexa Católica e o Estado español, a defensa do dereito á autodeterminación dos pobos, a derrogación da lei mordaza e a reforma do dereito de folga para regular a eliminación dos servizos mínimos.
Finalmente, abordan a cuestión internacional, entendendo que a situación actual de guerras, masacres e conflitos é consecuencia da crise do capitalismo na súa fase imperialista. Propoñen solucións coma a retirada da OTAN e o peche das bases militares en territorio español, a defensa do internacionalismo obreiro e a oposición á economía de guerra, que inevitablemente pagará a clase traballadora.
Cómpre sinalar que todo o documento está impregnado dunha perspectiva de xénero, con propostas concretas que aparecen ao longo do programa e que se amplian nas seccións finais.
Neste punto, con humildade, queremos salientar algúns temas clave que botamos en falla, como son: a derrogación da Lei 15/97, que abriu a porta á privatización da sanidade; a derrogación dos Pactos de Toledo de 1995, que eliminaron as pensións dos Orzamentos Xerais do Estado e, polo tanto, facilitaron o seu desmantelamento; en canto á cuestión nacional, tamén consideramos esencial denunciar o artigo 155 da Constitución, como símbolo da opresión do nacionalismo español sobre as nacións e pobos que conforman o estado, como vimos coa intervención en Cataluña durante o referendo de 2017. No ámbito da vivenda, lamentamos a falta da derrogación da Lei Boyer e da Lei do chan de Aznar, xa que ambas leis fan que todo o que se poda avanzar sexa papel mollado. Do mesmo xeito, cremos que é fundamental abordar o problema do alugueiro con propostas como arrendamentos vitalicios, límites nos prezos de alugueiro que non superen o 10% do SMI ou a expropiación baixo control dos traballadores da SAREB.
Malia estar de acordo con gran parte do programa e dende unha posición completamente fraternal, coñecedores de que os nosos compañeiros e compañeiras agradecerán a honestidade destas liñas, desexamos sinalar algunhas diferenzas que resultan máis relevantes, xa que as consideramos cuestións que deben terse en conta.
En primeiro lugar, no que respecta a Palestina, cremos que a redacción do programa (“así como el reconocimiento y la promoción de su Estado propio”) deixa a porta aberta á “solución dos dous estados” proposta pola ONU e o Goberno español, que lexitima a existencia do Estado de Israel e a ocupación sionista do territorio histórico palestino, e nega o dereito ao retorno do pobo palestino e a recuperación das súas terras.
En segundo lugar, no tema do Sáhara Occidental, tamén consideramos esencial lembrar con claridade a responsabilidade do Estado español como antiga potencia colonial, así como o seu papel actual como potencia administradora e corresponsable da ocupación. Non estamos de acordo con dar credibilidade a organizacións internacionais que, ademais, están nun estado de desintegración (“Promoción e impulso ante la ONU de la celebración de un referéndum vinculante”). Finalmente, pleno apoio ao pobo saharauí no seu dereito á autodeterminación na súa máxima medida, pero isto non implica para nós o apoio político á Fronte Polisaria, dado que non compartimos o seu programa.
En resumo, tendo en conta as eleccións andaluzas do 17 de maio de 2026, e recoñecendo que a construción dunha alternativa revolucionaria en Andalucía (cunha perspectiva nacional) non pode centrarse no Parlamento burgués andaluz, senón que require traballar nos barrios, nos centros de traballo e nas escolas, consideramos que a proposta de IZAR é a que mellor aborda a tarefa de organizar e mobilizar á clase traballadora e ao pobo no camiño da revolución socialista no Estado español. Esta é precisamente a única maneira de aplicar plenamente as medidas propostas no programa presentado polos nosos compañeiros e compañeiras.
Dende GTR-CI, pedimos un voto crítico a IZAR nestas eleccións andaluzas.